O sector servizos é o máis importante tanto da economía europea como da española en termos económicos e de emprego ademais de ser o que experimentou un maior desenvolvemento nos últimos anos. A esta expansión contribuíu sen dúbida o Tratado da Comunidade Europea, que consagra, xa en 1957, tanto a liberdade de establecemento como a liberdade de circulación de servizos dentro da Unión.
Non obstante, tras catro décadas de Tratado, os avances nestas liberdades, que seguían un enfoque sectorial, reveláronse insuficientes. A fragmentación existente no mercado interior de servizos continuaba repercutindo de xeito negativo no crecemento da economía europea e, particularmente, na creación de emprego e na competitividade da pequena e mediana empresa (PEME), ao tempo que impedía que os consumidores accedesen a unha maior variedade de servizos a menores prezos.
Ante este escenario, a aprobación da
Estratexia de Lisboa polo Consello Europeo de marzo de 2000 supuxo un gran cambio no enfoque seguido ata entón. Así, a Estratexia de Lisboa ou Axenda de Lisboa propuxo e propón unha serie de medidas encamiñadas a converter a economía da Unión Europea na «economía máis competitiva e dinámica do mundo, antes de 2010, capaz de favorecer un crecemento económico duradeiro acompañado dunha mellora cuantitativa e cualitativa do emprego e dunha maior cohesión social». Para conseguir este obxectivo, resultaba necesario dinamizar o sector que máis peso supón na Unión Europea. Por isto, o Consello instoulle á Comisión Europea a elaborar un informe sobre a situación do mercado interior de servizos que identificara as principais barreiras e os obstáculos para a consecución do devandito mercado, así como as súas posibles solucións.
Tras unha extensa consulta, promovida pola «Comunicación da Comisión sobre unha estratexia para o mercado interior dos servizos» realizada en decembro de 2000, a Comisión publicou en xullo de 2002 un
informe sobre "O estado do mercado interior de servizos" onde se chegaba á conclusión de que dez anos despois do que debería ser a realización do mercado interior existían aínda numerosas barreiras polo que non se podía falar dun mercado único de servizos. Por outra banda, o enfoque sectorial seguido ata entón resultaba insuficiente para abranguer todas as actividades do sector servizos.
Neste contexto, a configuración dun verdadeiro mercado interior de servizos debíase facer adoptando un enfoque global e non a través de directivas sectoriais nin en función da xurisprudencia ditada polo Tribunal de Xustiza Europeo a consecuencia dos procedementos de infracción abertos en torno ao incumprimento dos artigos 43 e 49 do TCE, referidos á liberdade de establecemento e á libre prestación de servizos dentro da Comunidade, respectivamente.
O seguimento dunha estratexia global aconsellaba a adopción dun enfoque horizontal que, a través dunha única directiva, abordase de maneira consistente e efectiva as barreiras e os obstáculos que restrinxían inxustificadamente o acceso e o exercicio das actividades de servizos na Unión Europea. Era pois necesario adoptar unha directiva relativa ao mercado interior dos servizos no seu conxunto.
Porén, a Comisión elaborou unha proposta de directiva, publicada o 13 de xaneiro de 2004, que foi revisada polo Parlamento e o Consello Europeos en varias lecturas, ao tempo que se consensuaba cos axentes involucrados, ata que ao final, o Consello aprobou definitivamente a directiva o 12 de decembro de 2006. Ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial da Unión Europea o 27 de decembro de 2006, entrou en vigor a
Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello do 12 de decembro de 2006 relativa aos servizos no mercado interior (Directiva de Servizos). Os Estados membro dispoñen dun prazo para a súa transposición de tres anos que remata o 28 de decembro de 2009.